top of page

                                                                                                                                                                                                                    8 de Decembro de 2013

 

Despois dun comezo de temporada fulgurante, o CD Ourense estaba a atravesar por unha xeira de catro encontros consecutivos sen coñecer a vitoria. Hoxe, os vermellos racharon con esta tendencia, ao derrotar no Reino de León á Cultural Leonesa por 1 gol a 2.

 

A xeada castigaba antes do encontro o céspede do estadio leonés, mais o frío ambiente non foi impedimento para que Iker Alegre dispuxese dunha boa ocasión no minuto 3. Con todo, o dominio nestes primeiros minutos foi local. No minuto 9 Ortiz dispuña dunha boa oportunidade para a Cultural, e no 20 o mesmo xogador estrelaba un balón no pau.

 

Con todo, o xogo local foi co paso do tempo apoucándose, mais isto non foi impedimento para que no minuto 36 Diego Torres inaugurase o marcador para os locais. Antes do descanso, Adrián Cruz puido empatar o encontro, mais o seu disparo fixo tremer o traveseiro da meta leonesa.

 

Á volta do intermedio, o CD Ourense saíu decidido pola igualada. Case a consegue Borja Valle no 52, ao culminar un contragolpe cun tiro que saíu fóra. No 59, os galegos encontraban a recompensa ao seu traballo no tanto de Adrián Cruz.

 

Estaba claro que os galegos debían aproveitar o seu bo momento, e de feito así o fixeron. No minuto 65, Iker Alegre anotaba o tanto da vitoria (1 a 2). A diferenza puido ser aínda maior se Borja Valle e o propio Iker Alegre aproveitasen as oportunidades que tiveron nos minutos posteriores. Ao final, o CD Ourense sumaba unha nova vitoria, coa cal se sitúa na terceira praza da clasificación, polo que retorna aos postos que dan dereito a disputar o play-off de ascenso.

O Ourense remata coa mala xeira

bottom of page