x
g d
Xornal
GALDEPORTE
1 de Decembro de 2013
Unha vez máis, un evento deportivo se ve prexudicado pola intervención dalgunha persoa que, con máis bulbo raquídeo que cerebro, decide realizar unha acción perigosa e irresponsable.
Esta tarde, os diaños verdes visitaron o Carlos Tartiere para se enfrontaren ao Real Oviedo. Durante o primeiro tempo, os locais conseguiran adiantarse no marcador no minuto 15 mercé ao tanto de Cervero, de modo que co resultado de 1 a 0 se chegaba ao intermedio. Porén, no descanso, o lanzamento dun petardo ao campo, o cal por fortuna non chegou a impactar no colexiado vasco Zarrabeitia Arrieta, provocou a suspensión do encontro. Malia que a explosión do artefacto non provocou danos físicos, o árbitro decidiu que non se daban as condicións de seguridade necesarias, a pesar de que os dous conxuntos, os xuíces de liña e a policía si querían continuar coa celebración do encontro.
A decisión arbitral foi moi criticada polo presidente da entidade asturiana, Sabino López, que en declaracións ao programa da COPE “Tiempo de Juego” manifestaba que, na súa opinión, non se dan as condicións necesarias para tomar a decisión da suspensión.
O feito de que o segundo tempo do encontro fose anulado exaltou a un sector da bancada carbayona, que saíu ás inmediacións do estadio para taponar a saída do aparcadoiro. Diego Cervero saíu ao exterior para intentar persuadir aos seareiros sobre a inconveniencia da súa actitude, mais a súa actuación apenas deu resultado. No exterior, numerosos incidentes e altercados. Entrementres, as asistencias tiveron que acudir a socorrer a un seareiro ovetense, que acabou por padecer un infarto.
Finalmente, furgóns policiais tiveron que escoltar a saída do Racing de Ferrol cara a Galiza. Os xogadores do Real Oviedo, posteriormente, saíron ao exterior para pedirlles calma aos seus seareiros.
Non é a primeira vez que a Federación Española de Fútbol apercibe ao club asturiano por causa do lanzamento de obxectos ao campo. De feito, o Oviedo xa contaba cun aviso por causa dos incidentes producidos no partido ante o Zamora. Veremos agora que é o que o decide a RFEF en relación a estes incidentes.
O Oviedo vs Racing, suspendido por mor dun petardo

Estadio Carlos Tartiere