top of page

                                                                                                                                                                                                                    9 de Decembro de 2013

 

A responsable técnica do Ensino e antiga xogadora do conxunto lugués, Catarina Pollini, ten xa, aos seus 47 anos, o seu lugar no Salón da Fama do Baloncesto italiano, tal e como fixo público o propio club a través da rede social Twitter. Este é, xa que logo, o máximo recoñecemento outorgado pola Federación Italiana de Baloncesto (FIB).

 

Desta forma, a FIB premia a excepcional traxectoria desta xogadora, a cal posúe o record de encontros disputados na Serie A (628). Pollini conta, asemade, cun palmarés envexable. Logrou 7 títulos de liga e 4 de Euroliga vestindo a camisola do AS Vicenza, unha liga, unha Euroliga e unha Copa Ronchetti co Ahena Cenesa e 4 ligas e 1 Euroliga co Ginnastica Comense.

 

Ademais, Pollini militou durante a súa primeira xuventude no Texas Longhorns da Universidade de Austin e, posteriormente, nos Houston Comets, cos que disputou a final da WNBA no ano 1997.

 

No Ensino, Pollini contou con dúas etapas como xogadora. A primeira produciuse entre a temporada 2000/01 até a 2003/04 e, a segunda, na 2005/06. Entremedias, militou no xa extinto Ros Casares de Valencia, co cal conquistou a Supercopa de España

 

Á súa formidable traxectoria a nivel de club, débense unir os seus logros coa selección italiana, coa que conquistou dúas pratas, unha nos Xogos do Mediterráneo de 1993 e outra no Europeo da República Checa de 1995.

 

Sen dúbida Pollini constitúe un nome a ter moi en conta dentro do panorama internacional do baloncesto feminino. Xusto é este éxito. Oxalá cultive moitos máis co corpo técnico do Ensino.

Catarina Pollini, no Salón da Fama

bottom of page