x
g d
Xornal
GALDEPORTE
22 de Novembro de 2013
O Real Madrid desta temporada está a ser, até o momento, como un rodete que esmaga todo o que encontra no seu camiño. Nesta ocasión, a vítima foi un Zalguiris de Kaunas en horas baixas. Os lituanos deron unha pobre imaxe no día en que os brancos ofreceron unha exhibición, unha exhibición que ben pode valer como agasallo para Pablo Laso, pois produciuse o mesmo día en que o técnico asinou a súa renovación até 2016.
O Palacio dos Deportes da Comunidade de Madrid presenciou como o seu equipo superaba ao rival en todos os aspectos e que sumou 120 puntos de valoración. Ao final do primeiro cuarto, o Real Madrid xa levaba consigo unha vantaxe máis que consistente (28 a 14), a cal foi aumentada aínda máis ao remate do segundo período (56 a 32).
Á volta do descanso, xuntouse o orgullo de grande do Zalguiris coa relaxación branca. Isto propiciou que vísemos un encontro moito máis igualado, no cal os de Kaunas trataban de ti aos madrileños. Porén, xa era tarde. Os madridistas sentenciaran o choque na primeira metade, e os visitantes nin sequera foron quen de reducir un mínimo as diferenzas na segunda parte, pois perdeu por 2 puntos os respectivos parciais do terceiro e cuarto período (23 a 21 e 16 a 14).
Entre os brancos brillaron con luz propia Rudy Fernández (16 puntos, 3 rebotes, 7 asistencias e 25 de valoración), Nikola Mirotic (17 puntos, 2 rebotes e 17 de valoración) e Sergio Rodríguez (15 puntos, 1 rebote, 5 asistencias e 15 de valoración). Xunto co Olympiacos e o Fenerbahce, conforma o Real Madrid, unha semana máis, a tríade de equipos invictos.