x
g d
Xornal
GALDEPORTE
5 de Decembro de 2013
Ricardo Resta, director de competición da Liga de Fútbol Profesional (LFP), recoñeceu onte a existencia de fraudes no fútbol español. As súas declaracións foron feitas en Bruxelas, no marco do Encontro Internacional de Fraude nos Partidos.
Resta admitiu ser consciente do feito de que “as mafias da fraude deportiva están a intentar entrar” nas ligas españolas, e incluso revelou que o Constancia vs Nástic de Tarragona da Segunda B e o Real Sociedade vs Granada da liga feminina, ambos os dous encontros disputados o 10 de Novembro, “foron arranxados con total certeza”. No entanto, o director de competición da LFP lembrou que non posúe competencias nestas competicións (dependentes da Real Federación Española de Fútbol) e recordou que a Policía está a investigar o arranxo de seis encontros da Liga Adelante e de tres da Liga BBVA producidos supostamente durante a pasada campaña.
As declaracións de Resta non nos collen, nin moito menos, por sorpresa. Se tiramos de hemeroteca, encontramos noticias relativas á denuncia do anterior presidente da LFP, José Luis Astiazarán, interposta ante a Fiscalía Anticorrupción en Abril de 2012 por sospeitas de arranxo de encontros. En Decembro de 2009, a UEFA investigou suposta fraude en encontros do Raio Vallecano e da UD As Palmas.
Mais, por desgraza, o causo de fraude deportiva máis coñecido tivo lugar no ano 2007, froito do cal o Celta perdería a categoría na Primeira División. Como todos recordaremos, denunciouse no seu día unha hipotética fraude no Athletic vs Levante, encontro no cal os leóns gañaron por 2 a 0. Os celestes dependían para manterse de que os bilbaínos non vencesen no seu encontro, mais o resultado de San Mamés condenounos ao descenso. O xogador do Levante Iñaki Descarga e o presidente do dito club, Julio Romero, admitiron en 2008 para Popular TV a existencia do partido fraudulento, e incluso, Romero apuntou que Ángel María Villar, presidente da RFEF, estaba ao tanto desta circunstancia.
Agora, unha nova fronte se abre na denuncia do arranxo de encontros. Esperemos que desta vez non quede todo en nada.
Resta recoñece fraude en encontros de fútbol
