x
g d
Xornal
GALDEPORTE
11 de Novembro de 2013
Hoxe, luns, é un bo momento para botarlle un ollo ao que aconteceu nas principais ligas de fútbol europeas. Realizaremos un breve repaso do acontecido na Bundesliga, Premier League, Serie A e Liga BBVA.
Bundesliga:
Esta semana a Bundesliga alemá presentou, como nota destacada, a ampliación da vantaxe do Bayern de Múnic, líder 32 puntos, respecto o Borussia Dortmund. Como xa adiantábamos na sección de “Noticias nun chío” de onte, o Bayern de Múnic derrotou no Allianz Arena ao Augsburg por 3 a 0, con goles de Boateng, Ribéry e Müller. Pola súa parte o Borussia Dortmund, malia se adiantar no minuto 45 co gol de Reus, caeu ante o Wolfsburg por 2 a 1.
O tropezo do Dortmund non só lle permite aos bávaros pór 4 puntos de diferenza respecto os seus perseguidores, senón que ademais provocou que os amarelos fosen alcanzados na clasificación polo Bayern Leverkusen, que venceu por 5 a 3 ao Hamburgo e suma 28 puntos.
Así as cousas, na Bundesliga ocupan os postos de Liga de Campións, por orde clasificación, polo Bayern de Múnic (32 puntos), Borussia Dortmund (28), Bayern Leverkusen (28) e Borussia Moenchengladbach (22); na Europa League encontramos ao Wolfburg (21) e ao Shalke 04 (20) e, no descenso, ao Eintracht de Frankfurt (8) e ao Nüremberg (7).
Premier League:
A Premier déixanos esta semana unha situación emocionante. Como publicamos onte na sección “Noticias nun chío”, o líder, o Arsenal FC, caeu en Old Trafford ante o Manchester United por 1 a 0, debido a un gol de Van Persie anotado no minuto 27. Isto provocou que, entre o primeiro e o oitavo clasificado (o Manchester City), exista unha diferenza de tan só 6 puntos.
O Liverpool, segundo clasificado, venceu por 4 a 0 ao Fullham no mítico Anfield, e sitúase a 2 puntos do Arsenal. Tampouco desaproveitou a súa oportunidade o Southampton, pois goleou na casa ao Hull City (4-1).
Desta forma, en Liga de Campións quedan Arsenal (25 puntos), Liverpool (23), Southampton (22) e Chelsea (21); a Europa League sería para o Manchester United (20) e o descenso para Fulham (10), Sunderland (7) e Crystal (4).
Serie A:
Apertada tamén está a clasificación da Serie A italiana en relación aos tres primeiros, que se encontran nunha diferenza de 4 puntos. O primeiro clasificado, a Roma, igualou na casa a 1 co Sassuolo. Tiveron mala sorte os romanos, aos cales lles escapou o partido no minuto 90 por causa do gol de Berardi.
O gran beneficiado da xornada foi a Juventus de Turin, pois por unha parte ponse na clasificación a 1 punto da Roma e, pola outra, derrotou ao terceiro clasificado, o Nápoles, por 3 a 0, con tantos de Llorente, Pirlo e Pogba.
Vitoria tamén da Inter ante o Livorno por 2 a 0, que lle permite recurtar diferenzas co Nápoles. Pola súa parte, o Milan continúa co seu periplo polo deserto e, despois do seu empate a 0 ante o Chievo, ascende á décima posición.
Na Serie A, pois, encontramos na Liga de Campións á Roma (32 puntos), Juventus (31) e Nápoles (28), na Europa League á Inter de Milán (25) e á Fiorentina (24), e no descenso á Sampdoria (9), Catania (9) e Chievo (6).
Liga BBVA:
Alén das andanzas do Celta, do Real Madrid e do FC Barcelona; encontramos o empate a 1 do Atlético de Madrid no Madrigal ante o Vilarreal, o cal provocou que os madrileños estean agora a tres puntos do líder, o Barça. O Athletic de Bilbao, pola súa parte, consolídase na quinta praza. Onte, venceu ao Levante por 2 a 1.
Se hai dous equipos revelación na Liga BBVA esta temporada, eses son o Vilarreal e o Xetafe. Os madrileños, porén, non pasaron o sábado do empate a 1 ante o Elxe.
Así as cousas, na Liga de Campións encontramos ao FC Barcelona (con 37 puntos), Atlético de Madrid (34), Real Madrid (31) e Vilarreal (24); na Europa League ao Athletic (23) e ao Xetafe (20), e no descenso ao Raio Vallecano (12), Osasuna (10) e Betis (9).