x
g d
Xornal
GALDEPORTE
7 de Decembro de 2013
Non foi un partido de moitos goles, mais tampouco un encontro frío. Os derbis sempre teñen algo de especial, e iso demostrárono hoxe no Multiúsos Fontes do Sar o Santiago Futsal e mais o CD Burela.
Ambos os conxuntos saíron, nos minutos iniciais, decididos pola vitoria. Aos dez minutos de tempo xogo, os burelaos adiantábanse no marcador por mediación de Matamoros. Cun disparo que pasou por entre as pernas do meta local Juanjo, os laranxas inauguraban o marcador. No entanto, os composteláns non cederon e procuraron as táboas. Acháronas no minuto 19, case ao bordo do descanso, por mediación do arzuán Diego Quintenla (1 a 1).
Na segunda metade, os dous conxuntos continuaron na procura da vitora. Porén, as mellores ocasións caían da man dos santiagueses, que grazas ás ocasións de Lucho, David Pazos e Quintenla ben puideron darlle o triunfo ao seu equipo.
Á falta de 6 minutos para o final, o peche do Burela, Mimi, foi expulsado por dobre cartón amarelo. Nestes instantes finais, os locais apertaron en busca do triunfo, e case o conseguen nunha ocasión de Diego Quintenla producida nos instantes finais. No entanto, á conclusión do choque encontramos reparto de goles e de puntos.
Santiago FS e CD Burela asinan táboas no derbi
