x
g d
Xornal
GALDEPORTE
29 de Novembro de 2013
Esta noite, a fortuna non quixo acompañar ao Santiago FS pois os composteláns, malia mereceren máis, empataron a 1 en terras castellonenses ante o Peñíscola Fútbol Sala.
Apenas pasaran 30 segundos desde que o árbitro marcara o inicio do encontro cando os locais conseguiron tomar a dianteira no marcador, mercé ao tanto de Charly Maza. A saída do Peñíscola foi fulgurante mais, pouco a pouco, o choque foise equilibrando, ao igual que o partido no minuto 5, cando o salmantino David Ruiz anotaba o 1 a 1 para os galegos.
Desde ese momento, o Santiago Futsal presionaba na procura da vitoria. Antes do descanso, David Pazos estrelaba un balón no pau. Pouco despois Solano faría o propio para os valencianos nun lanzamento de falta. O primeiro tempo, deixábanos un empate e o retorno de Hamza ás canchas. O melillense do Santiago Futsal levaba catro meses de baixa por lesión.
Á volta do intermedio, Contreras daríalle un aviso aos galegos, ao mandar un balón ao traveseiro. A súa acción sería posteriormente contestada por Quintenla, de modo que un dos seus disparos encontraría o pau e non a rede.
Ambos os equipos buscaban a vitoria. A falta de 1 minuto e 50 para final, o Peñíscola puña a Uge a desenvolver o papel de porteiro xogador e, cando faltaban 40 segundos para a finalización do encontro, o meta Raúl Jerez salvaba aos santiagueses da derrota. Ao final, reparto de puntos nun encontro en que os paus das porterías foron os verdadeiros protagonistas.
O Santiago FS empata no partido dos paus

David Ruiz