x
g d
Xornal
GALDEPORTE
27 de Novembro de 2013
Un punto en cinco xornadas. Este é o balance da Real Sociedade na Liga de Campións. Os donostiarras, derradeiros do grupo A, perderon hoxe a posibilidade de chegaren á última xornada con opcións de se clasificaren para a Europa League, ao caeren en Donest por 4 goles a 0.
No minuto 6, o mexicano Carlos Vela efectuaba un lanzamento a porta. Non obstante, a primeira ocasión de gol clara do encontro tívoa Álex Teixeira para os locais, cun lanzamento que o meta Bravo mandou a saque de esquina. Non obstante, á Real facíanlle falta os puntos e intentaba unha e outra vez, sen éxito, o ansiado tanto. De feito, os asistentes ao Donbas Arena fixéronlle saber aos seus xogadores do descontento que posuían en relación ao xogo do seu equipo neste primeiro tramo de partido.
Porén, no minuto 37 Luiz Adriano adiantaba aos ucraínos. Desde ese momento, o Shakhtar fíxose co control do partido, e incluso antes do descanso Douglas Costa puido anotar o segundo. Porén, a primeira parte finalizou con marcador de 1 a 0.
Á volta do intermedio, sen tempo aínda para se asentaren os xogadores da Real Sociedade, Álex Teixeira aumentaba avantaxe par aos locais.
Se ben no minuto 55 Griezmann tivo unha boa oportunidade para o 2 a 1, desbaratada polo gardameta Pyatov, as ocasións máis perigosas eran para os ucraínos. No minuto 68, Douglas Costa puña o 3 a 0 e, no 87, marcaba o cuarto e definitivo.