x
g d
Xornal
GALDEPORTE
1 de Novembro de 2013
Partido complicado do Básquet Coruña en terras palencianas que, desafortunadamente, ficou saldado con derrota dos galegos. Os herculinos chegaron a levar vantaxe no marcador no minuto 4 (7-8), mais a inciativa correu a cargo dos locais. Isto non quere dicir, aínda así, que os galegos lle perdesen o pulso ao partido, malia se retiraren ao final do primeiro cuarto co resultado de 22 a 12.
O Básquet Coruña saíu enchufado ao comezo do segundo cuarto, cando logrou un parcial de 0 a 6. Aínda así, o Palencia marchou ao descanso cunha diferenza de 12 puntos (35-23). Non obstante, isto non quixo dicir nada, xa que no terceiro cuarto os coruñeses lograron meterse no partido de tal forma que finalizaron o terceiro tempo cun marcador de 47 a 41.
O último cuarto foi trepidante. Os galegos chegaron a se pór a un punto a falta de algo máis de 5 minutos para o final (55-54). Mais finalmente non puido ser. A pesar da canastra de Castro sobre a bucina, o marcador ficou favorable para o Palencia por 66 a 63.
Sorte moi diferente sufriu o Club Ourense Baloncesto ante o Clavijo na Rioxa, onde logrou unha valiosa vitoria. E iso que os galegos ían por detrás no marcador ao final do primeiro cuarto (24 a 15), e tamén á conclusión do segundo (48-31).
No entanto, o descanso sentoulle ben aos ourensáns, e o COB logrou empatar o partido a 65 ao final do terceiro cuarto. O derradeiro tempo os galegos mandaron no taboleiro, feito que lles permitiu gañar o partido por 81 a 94.
Sorte dispar para o Básquet Coruña e o COB
