top of page

                                                                                                                                                                                                                 11 de Decembro de 2013

 

A Copa do Rei, competición ás veces caprichosa, deparou para este noite un duelo a priori desigual. Hoxe, visitaba Pontevedra o segundo clasificado da Liga ASOBAL, o BM Granollers, para se medir á SD Teucro, conxunto galego da División de Prata. No entanto, malia a derrota teucrista, na práctica non se tratou dun enfrontamento tan desequilibrado no que a nivel se refire.

 

O público que ateigou o Pavillón Municipal de Pontevedra apreciou como o seu equipo daba a imaxe de antano, daqueles anos en que militaba na ASOBAL e nos que era quen de lle facer fronte a calquera equipo. De feito, no minuto 10, os pontevedreses vencían por 4 a 3. O maior parcial logrado polos cataláns neste primeiro tempo foi de 1 a 5, o cal lles outorgou unha vantaxe de 2 goles (5 a 7) contestada de contado polo Teucro cun parcial de 2 a 0 (7 a 7). No entanto, ao descanso o BM Granollers vencía por dous tantos (11 a 13).

 

Á volta do intermedio, o encontro nin perdeu intensidade nin interese. O BM Granollers non era quen de superar a vantaxe oscilante entre 1 e 3 goles, en función do momento do partido. O Teucro non lle deixaba. O choque virouse aínda máis interesante cando, no minuto 47, os galegos lograron empatar a 17 despois de culminar un parcial favorable de 3 a 0. A fazaña parecía posible. Porén, a fortuna por veces é un ente caprichoso, e por esta causa ao final do encontro o marcador reflectía 22 a 23. O Granollers levaba o encontro, mais o Teucro lograba algo moito máis grande: a sensación de vitoria moral pola imaxe ofrecida, polo traballo realizado. O feito de sentir que o esforzo pagou a pena. A satisfacción de dar a cara ante un grande.

O Teucro dá a cara ante o Granollers

bottom of page