x
g d
Xornal
GALDEPORTE
12 de Novembro de 2013
O secretario e voceiro da directiva do FC Barcelona, Toni Freixa, saíu hoxe en defensa das acusacións vertidas por France Football sobre Sandro Rosell. A prestixiosa revista gala, nun artigo titulado “Os estraños negocios”, arremete contra o presidente da entidade barcelonesa, e pon de manifesto os supostos negocios espurios que Rosell posúe en Qatar e no Brasil. Así mesmo, France Football expón que a directiva culé posúe un comportamento “antidemocrático” cos socios do club que a ela se opoñen.
Para Freixa, trátase dunha información encamiñada á consecución de “determinados intereses”, a cal debe ser lida con coidado e entreliñas.
As acusacións sobre o actual presidente do FC Barcelona lembran ás padecidas polo seu antecesor no cargo, Joan Laporta, acusado de utilizar o club para facer medrar os seus supostos negocios en Qatar e Uzbequistán. Naquela ocasión, en 2009, Laporta manifestara que se trataba dunha montaxe do que el definía como a “caverna mediática española”, pois declaraba que lle “tiñan ganas” por causa da súa ideoloxía nacionalista catalá. Sandro Rosell, en Setembro de 2012, mostrouse partidario do dereito de autodeterminación dos cataláns, e acrecentou que o Barcelona era parte de Cataluña e apoiaría calquera decisión que tomase o seu pobo. En Xaneiro deste ano, nunha entrevista á CBS, Rosell dirixiuse a Cataluña coa denominación de país. A xornalista, contrariada, entendía o termo de país equivalente ao de Estado independente, e por iso interpelouno dicíndolle que Cataluña non estaba nas Nacións Unidas. Entón, Rosell contestou: “aínda non, quen sabe”.
Está o tema da independencia de Cataluña detrás desta reportaxe de France Football. Como Rosell, dicimos, “quen sabe”.
Toni Freixa defende a Rosell

Toni Freixa