x
g d
Xornal
GALDEPORTE
16 de Novembro de 2013
Despois da derrota sufrida onte polo Ensino, o Universidade de Ferrol encontrábase cunha boa oportunidade de acadar o liderado. Para tal fin, debía derrotar no Pavillón Municipal de Esteiro ao Cortegada no segundo derbi da xornada.
As vilagarcianas viaxaban a Ferrol (cun balance de 1 vitorias e 2 derrotas) dispostas a frear ao único equipo invicto da temporada. Porén, non tiveron opción ante un Universitario moi sólido que, no primeiro cuarto, deixou ás visitantes en 7 puntos. As locais colleran impulso, e unha vez que isto acontece é difícil paralas. Ao descanso, xa posuían unha vantaxe de + 17 (35 a 18).
Mais se o partido estaba a ser un calvario para o Cortegada, no segundo tempo converteuse nun auténtico inferno. A maquinaria ferrolá esmagaba todo o que encontraba ao seu paso, e ao final do terceiro cuarto o marcador xa indicaba 61-33. No derradeiro período, o conxunto vilagarcián continuou a se deixar ir, e as de Lino López, mediante un parcial de 35 a 12, poñían o 96 a 45 final. Toda unha mostra de autoridade das ferrolás, entre as cales 5 xogadoras anotaron máis de 10 puntos: Cristina Pedrals (15), Marta Tucanda (13), Mireia Vila (12), Beatriz Sánchez (14) e Ashley Arlen. A estadounidense, precisamente, foi a MVP do partido, con 26 puntos, 9 rebotes, 2 asistencias, 7 recuperacións e 38 de valoración.
Após esta exhibición, o Universitario de Ferrol acada o liderado da Liga Feminina 2, presentando unha traxectoria inmaculada. Na seguinte semana, recibirán ao Ensino nun duelo de alturas. O Cortegada, porén, protagonizará outravolta o segundo derbi da xornada, desta vez ante o Celta Baloncesto.
O Universitario de Ferrol leva o derbi e acada o liderado

Ashley Arlen