x
g d
Xornal
GALDEPORTE
4 de Decembro de 2013
Nun mundo tan desconfiado coa homosexualidade como é o do deporte masculino, non é doado para un atleta profesional non heterosexual o feito de declarar publicamente a súa verdadeira tendencia sexual.
Tom Daley, saltador olímpico de 19 anos, declarou abertamente a súa bisexualidade, pois proclamou que malia gustar aínda das mulleres, está a manter unha relación sentimental cun home, unha relación coa que se sentía feliz e satisfeito.
Se ben os antecedentes de declaracións deste estilo poderían apuntar a unha certa marxinación para o deportista, a natación británica ofreceunos un gran exemplo de comprensión e de vontade de camiñar cara á igualdade dos seres humanos independentemente da súa tendencia sexual. Segundo informa a axencia Reuters, Daley agradeceu este luns o apoio recibido a través da rede social Twitter.
David Sparkes, xefe da natación británica, expresou que “todo o mundo apoia a Tom e ao seu anuncio”. Unha valentía a de Tom Daley, pois, recompensada polo conforto do público e pola natación das illas. Trátase, xa que logo, dunha actitude a imitar, ben lonxe da que os propios ingleses lle dedicaron ao nixeriano Justin Fashanu, xogador do Leyton Orient que pasou á historia por ser o primeiro futbolista en se declarar homosexual. Desprezado polo seu propio irmán (tamén futbolista), Fashanu deu en se aforcar por causa do rexeitamento que padecía do deporte e da sociedade británica e estadounidense. Felizmente, porén, parece que situación comeza a mudar. Esperemos que o cambio se culmine e se consolide.
A valentía de Daley foi recompensada
