x
g d
Xornal
GALDEPORTE
23 de Novembro de 2013
A mala sorte castigou sen piedade ao Celta no partido que o conxunto vigués disputou esta tarde ante a Real Sociedade en Anoeta.
Ao comezo do encontro, puideron adiantarse os donostiarras por mediación dun gol de Carlos Vela que o colexiado anulou por fóra de xogo. No minuto 5, tras aproveitar un erro de Cabral, o mexicano anotaba o 1 a 0. No entanto, os galegos non foron a menos, e o encontro converteuse nun intercambio de golpes. Froito desta dinámica, Rafinha lograba de cabeza o tanto do empate no minuto 22. Pouco despois, no 27, o ferrolán Álex López marcaba o 1 a 2. Eran estes os mellores minutos dos vigueses, aínda que os vascos tamén crearon perigo nalgunhas ocasións, tal e como a que tivo Griezmann nun barullo na área.
No segundo tempo, os celestes saíron con ganas de ampliar a vantaxe. Charles intentábao no 47, e no 56 Rafinha conseguía cun golazo o 1 a 3. No entanto, 5 minutos despois Carlos Vela acurtaba distancias.
Con 2 a 3 no marcador, o Celta quedaba con 10 despois da expulsión de Fontás por dobre cartón amarelo. Corría o minuto 65, e desde aquel momento os locais aproveitaron ao máximo a superioridade numérica. No 77, Carlos Vela igualaba o encontro (3-3) cun tanto producido en presumible fóra de xogo. No oitenta, o mexicano anotaba o cuarto da súa conta e mais do equipo, tras recibir unha asistencia de Griezmann. Era o 4 a 3 definitivo. O propio Griezmann aínda puido aumentar a vantaxe para os donostiarras no tempo restante, mais encontrou dura oposición en Yoel.