top of page

                                                                                                                                                                                                                    9 de Decembro de 2013

 

A xornada de onte da liga brasileira foi, sen dúbida, decepcionante e vergoñenta. Preferiríamos falar da finalización do campionato noutros termos, a comentarmos o contundente triunfo do Cruzeiro na liga (con 11 puntos de vantaxe sobre o Grémio de Porto Alegre). Porén, isto quedou eclipsado polo descenso dun histórico do fútbol mundial, o Vasco da Gama, producido pola derrota do conxunto carioca na casa do Atlético Paraná por 5 a 1.

 

O Vasco da Gama precisaba para salvar a categoría vencer no Arena da Baixada e, ao mesmo tempo, esperar un tropezo do Fluminense. Porén, non é isto tampouco do que imos falar.

 

Onte, a partir do minuto 17 de encontro, o fútbol ficou eclipsado por un vergoñento espectáculo, consistente nunha orxía de violencia e salvaxaría, que culminou coa intervención da Polícia Militar e con múltiples feridos, tres deles aínda hoxe hospitalizados en estado de coma.

 

Vergoñento foi este acto, sen dúbida. Mais non menos indignante foi o feito de que, após esta batalla campal, unha vez sosegados os ánimos despois dos enfrontamentos, a organización decidise que o partido, lonxe de ser anulado, continuase sen máis. O Atlético Paraná precisaba o empate para se clasificar para a Copa Libertadores, mais finalmente logrou unha contundente vitoria. Porén, por desgraza iso xa non interesa.

 

O lendario xogador de fútbol Roberto Dinamita, agora presidente do Vasco da Gama, asegurou que fixo o posible pola suspensión do encontro, xa que non se estaba a xogar o descenso, senón a pervivencia de vidas humanas. No entanto, as súas palabras non foron escoitadas.

Vergoña no fútbol brasileiro

bottom of page