top of page

                                                                                                                                                                                                25 de Novembro de 2013

 

Unha vez máis, o fútbol español é protagonista dun acto completamente vergoñento. Outra volta, seareiros dun conxunto español deixan en evidencia ao deporte ao proliferar insultos xenófobos ou racistas cara a un deportista que, a fin de contas, unicamente está a desenvolver o seu traballo, do mellor xeito que pode, sen se meter con ninguén.

 

Normalmente, soe ser a bancada do conxunto rival a que profire estas barbaridades verbais e xestuais. Onte, porén, os seareiros do Betis superaron esta barreira, ao mostrar de forma racista o seu desprezo cara a un xogador das súas filas, Paulão, quen foi expulsado no minuto 43 por dobre cartón amarelo durante a disputa do derbi andaluz entre o Betis e o Sevilla.

 

Como se pode ver nas imaxes, o xogador abandonou o campo e, acto seguido, buscou unha parede en que chorar os seus males. Por riba o seu adestrador, Pepe Mel, non axudou precisamente ao seu futbolista, pois expresou en rolda de prensa que “a expulsión de Paulão foi de nenos”, feito que lle botou aínda mais leña ao lume.

 

Froito da presión, chegouse a unha situación completamente surrealista, pois o propio xogador pediulle desculpas aos compañeiros e aos seareiros na zona mixta. Non obstante, deberían ser o club o que lle pedisen perdón a Paulão pola actitude da bancada e, de non facelo de motu propio, debería ser o Comité de Competición quen lle obrigase a través dunha sanción. Independentemente do erro cometido polo futbolista, non podemos obviar a súa condición de persoa, nin sobrepoñela á de deportista.

 

Eto’o, Cristiano Ronaldo, Ferdinad e moitos outros xa foran vítimas do racismo e da xenofobia española. Trátase dun problema político, non deportivo. O respecto ao ser humano debe estar por riba de calquera outra circunstancia.

Vergoña no fútbol español

bottom of page